Vai sendo tempo de comezar o proxecto deste curso adicado a nós mesmos. O noso cole cumple 50 anos de viaxe a carón de moitas xeracións de nenos e nenas e iso hai que celebralo. Nós imos facelo aproveitando esta aventura para seguir aprendendo, non podía ser doutra maneira. Navegando arredor de nós imos atracar en varios portos, pescudando datos xeográficos, históricos, físico-matemáticos, aprendendo a recoñecer, expresar e vivir emocións diversas. O noso entorno, a nosa ubicación, a nosa historia, a historia do ano 1969, a evolución do mundo, da educación, da muller neste tempiño, as nosas lembranzas...todo vai ter cabida no traballo que imos desenvolver dando protagonismo a unha aprendizaxe activa nas aulas e a participación das familias que estiveron e están connosco nesta longa andaina. O título: "Párroco 5.0. Coñecéndonos"
O primeiro paso para este traballo vimos de dalo hai uns días cando chegou ás casas a carta de presentación do proxecto e con ela as primeiras peticións dos mouchiños para as familias. Moitas delas xa están respondendo ós desexos das nosas mascotas da biblioteca. Dentro duns días poñeremos as primeiras fotos. De momento deixámosvos aquí a carta, por se non chegou a algunha casa, e por se algunha das antigas familias do Párroco tamén se anima a acompañarnos nesta viaxe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario