domingo, 21 de novembro de 2021

OUTRO 25 DE NOVEMBRO, UN ANO MÁIS

 Un ano máis temos que adicar un día a poñer de relevo a violencia de xénero, a violencia que sofren as mulleres, grandes e nenas, nas súas casas e na súa vida. Esta violencia que tamén toca a moitos homes...nenos-fillos, pais, avós, tíos, amigos, novas parellas das mulleres que a sofren. Daquela é un problema de todos e de todas, de toda a sociedade.

No cole imos profundar no medo. Queremos miralo á cara. Queremos coñecer os nosos propios medos para poder entender mellor o medo que tingue a vida de moitas mulleres. Seica coñecemos algunha delas! A partir dese "entender", queremos ir un paso máis alá e empatizar con elas, sendo quen de ofrecerlles, ademais do noso agarimo, dos nosos bicos e apertas, un apoio emocional reflectido nunha frase que as axude a levantar e  a loitar, nós canda elas; que nos axude a todos a loitar contra iso que produce o medo, contra esa actitude e violencia dalgúns "homes" intolerantes, para poder arredalo da nosa sociedade dunha vez para sempre.

Como ademais sempre temos que vencellar o noso traballo aos nosos proxectos de centro, neste curso tan científico recollemos o pensamento de Marie Curie que figura tamén no conto de Violeta Monreal

"Deixamos de  ter medo das cousas que aprendemos a entender"

E, non si? Mergullados no mundo das matemáticas imos botar a imaxinación a voar e darlle forma xeométrica ós nosos medos.

A actividade máis importante nas aulas vai ser falar, poñer en palabras todo o que sentimos. Dúas lecturas vannos axudar neste debate:

QUE MEDO QUERERÍAS VENCER? da autora Violeta Monreal e EU MATAREI MONSTROS POR TI de Santi Balmes.



Poida que as actividades e ideas que se tiren do debate non sexan quen de reflectir toda a riqueza de emocións e solucións que de certo conseguiremos expresar. O importante será sempre a semente que irá medrando nos nosos corazóns e a vontade firme de parar esta tolemia. Xa vos contaremos!

Ao tempo imos tenderlle a man á musica con estas cancións que falan da empatía e do moito que podemos facer uns por outros.


A FESTA DO MAGOSTO

 O pasado venres 12 de novembro celebramos o primeiro magosto dende a pandemia. Foi unha celebración que tivo que axustarse a tódalas medidas dos protocolos sanitarios, pero na que xa gozamos un pouquiño xuntos (pero non revoltos). Durante moitos días nas aulas fomos vendo todo o importante desta tradición tan nosa e preparando todo o que precisabamos. Pegadiños a data propia do magosto, o San Martiño, saimos ao patio a xogar e probar xogos tradicionais e démonos un gran papatoria de castañas. Estaban riquísimas e desfrutamos a eito! 

  VIDEO COMPLETO NESTE ENLACE

martes, 16 de novembro de 2021

NOVO BODEGÓN

 Vimos de recibir unha nova aportación ao nosa actividade de bodegóns de outono. Xosé de 4 anos envía estas estupendas fotos de matemáticas e elementos de outono. Parabéns!




domingo, 14 de novembro de 2021

A FESTA DO SAMAÍN E OS CONTACONTOS DE MEDO

 O pasado 29 de outubro celebramos a festa do Samaín, aínda que levabamos un tempo traballando nas aulas e preparando nas casas as  cabazas que fixestes e tanto nos gustaron. Pescudamos nesta tradición, fixemos manualidades e arte, baleiramos cabazas, disfrazámonos, cantamos e bailamos con monstros e esqueletes e ata tivemos uns cntacontos moi especiais cos amigos de 5º e 6º que foron visitando as aulas e achegándonos estupendas historias!! Pasámolo xenial...e aos que non vedes foi porque non tiveron tempo de facer fotos con tanta troula pantasmal!!

PODCAST EN GALEGO

Os nenos de 3º de primaria son os primeiros e probar un novo xeito de traballar a linguaxe oral...gravar os nosos propios podcast. As demáis aulas enseguidiña imos probar tamén. Sabemos que eles pasárono xenial contando as súas anécdotas e ademais aprenderon moito. Mirade e escoitade

luns, 1 de novembro de 2021

NOVA FOTO DE BODEGÓNS

 Xián de 1º de primaria envía tamén a súa foto do bodegón matemático de outono. Formas e cantidades xuntanse nesta composición. Parabéns!

Mentres, seguimos engadindo as achegas recibidas na presentación virtual de cabazas. Ollade no lateral tódalas novidades!