luns, 18 de outubro de 2021

É TEMPO DE CABAZAS COMPARTIDAS!

Velaí ven o Samaín; as cabazas e as cousas de outono comezan a encher as nosas paisaxes. Un curso máis temos que pedirvos axuda nesta celebración. 

Tódolos anos a exposición de cabazas na entrada do cole é o punto de partida das nosas actividades. Este novo curso con pandemia gustaríanos que participasedes nunha exposición virtual na que compartades as vosas creacións coas cabazas con todos nós. O tema é “Formas encantadas”

O noso PDI deste curso xira arredor das matemáticas. A xeometría, coas súas formas, cores e tamaños, e mailo número, son protagonistas das actividades deste trimestre. Podedes facer as vosas cabazas en familia, como manda a tradición dos calacús do Samaín, dándolle forma matemática. Pero non esquezades que teñen que dar medo!!!. 

 Precisades algunha idea? Poden ser cabazas con distintas formas, pintadas con motivos matemáticos, podedes facer formas xuntando varias cabazas, podedes xogar coas cores ou xuntar cabazas de distintos tamaños. Tamén poderíades imaxinar que forma teñen as casas dos personaxes de medo e converter as cabazas na súa casa ou...calquera cousa que imaxinedes! 

Xa non dicimos máis nada! Botade a imaxinación en familia a voar e enviádenos unha foto da vosa cabaza (ou cabazas) ao correo de sempre, parrococamilo@gmail.com.  Podedes fotografiar só a cabaza ou aproveitar a disfrazarvos e sair todos os que queirades na foto. Trátase de recuperar as nosas tradicións e vivir en familia O Samaín. 
 Temos de prazo ata o 3 de novembro. Pero, se alguén precisa máis tempo, non pasa nada. Xa sabedes que sempre estamos dispostos a recibir as vosas creacións. 

 Abrimos tamén a terceira edición da mostra fotográfica “Bodegóns de outono”. Este curso, os que desfrutades coa fotografía, podedes compoñer “bodegóns matemáticos” ou procurar e fotografiar na rúa, no monte, na praia, elementos de outono ou da paisaxe nos que vexamos as matemáticas (formas, cantidades, cores, tamaños,...) Podedes envialos ao mesmo correo durante todo o trimestre. Iremos publicando todo nos blogs e participar con cantas fotografías desexedes. 

 Coma sempre, non queremos despedirnos sen dar a benvida ás familias dos nenos e nenas de 3 anos que xa forman parte da nosa comunidade. Participade sen medo en tódolos nosos proxectos. Entre todos construiremos unha comunidade de aprendizaxe viva e divertida!

MOITOS BICOS!!
OS MOUCHIÑOS DA BIBLIO

Ningún comentario:

Publicar un comentario