domingo, 24 de outubro de 2021

24 de outubro DIA DAS BIBLIOTECAS

 Cada 24 de outubro celebramos o Día das bibliotecas, día no que poñemos oficialmente en marcha tódalas actividades. Tradicionalmente, a partir desta data  iniciabamos os obradoiros na hora do recreo e programabamos unha morea de actividades compartidas dentro dos seus muros. O certo é que, coas limitacións do protocolo covid, hai moitas cousas que non podemos facer do xeito cotián; pero, aínda así, levamos xa un tempiño a voltas coas lecturas e as pescudas. Daquela, de tódolos preparativos feitos xa comezan a agromar actividades e creacións. Tamén as familias están achegándonos as súas cabazas axudándonos a levar as distintas aprendizaxes, tamén a emocional e o sentimento de comunidade, fóra da escola.

Como sabedes, o lema das BE este curso é "A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA" e arredor do mesmo, e do cartel oficial ilustrado po Pablo Otero "Peixe", temos artellado unha actividade de debate na busca das palabras axeitadas que definan esa voz e esas emocións que nos aportan os libros e a lectura.

Os cativos de 3º de primaria foron os primeiros en responder a esta chamada, aínda que sabemos que outras aulas están traballando con esta proposta. Deixamos aquí o traballo dos nenos e nenas de 3º


Por outra banda, as bibliotecas de aula xa comezaron a funcionar dende o primeiro día de curso coas lecturas da hora de ler e os programas de préstamo. Esta semana pasada empezaron a recibir mochilas e maletas temáticas coas lecturas do Día das escritoras e da tempada de Samaín. As propostas de traballo xa están presentes nas actividades das aulas e, enseguidiña, imos ir recollendo neste escaparate as súas produccións. Tamén se achegan aí ao galope as lecturas compartidas, as que organizamos nós e as que están a pedir os cativos e cativas dende as aulas porque todos queren ser lectores protagonistas!! Pouco a pouco iremos dando paso a todos eses anceios.

Neste curso xuntamos, coma sempre, a celebración deste día coa celebración do Día das escritoras e a Semana AMI (alfabetización mediática e informacional). Ademáis das propostas para coñecer máis a fondo ás nosas autoras Concha Blanco e Paula Carballeira, lanzamos xa as propostas de documentación para o despegue do PDI  "Pedra a pedra: unha ollada ás orixes da Ciencia" , que inclue a renovación das mascotas da biblio, agora que sabemos que teñen unha misión tan importante coma a que estaban a facer na nosa biblioteca.  

Todo isto e moito máis que se aveciña son mil e unha oportunidades de aprendizaxe e de goce de múltiples tipos de lectura. Así que imos desexar para todos Felices lecturas e felices pescudas neste curso que promete ser moi científico e moi creativo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario