venres, 24 de outubro de 2025

24 OUTUBRO - DÍA DAS BIBLIOTECAS

O pasado 24 de outubro celebramos o día das bibliotecas. Eliximos deta vez o conto "León de biblioteca" que nos deu pé a falar sobre as normas, funcións e a importancia que teñen as biblios, isto último dende un punto máis persoal e emocional, pois descubrimos que as biblios poden ser moito máis que "espazos de lectura e indagación".

Os maiores lemos e comentamos... Os máis pequenos incluso nos animamos a plasmar artísticamente o conto e as súas personaxes.




Non esquezades o poder que teñen as bibliotecas E GOZADE MOITO DA NOSA!



mércores, 22 de outubro de 2025

LECTURAS DE OUTONO E DE SAMAÍN!

Nesta época do ano, como nos gusta ler contos sobre o outono, a caída das follas, as castañas, o magosto... e, por suposto, lecturas de Samaín e de medo! Temos os nosos recunchos e a nosa biblio chea destas lecturas!



Aquí está a clase de 4º lendo unha das lecturas do mes "O noso Samaín"



martes, 21 de outubro de 2025

RECUNCHOS DE LECTURA - MALETA "PONTE A ZERO"


O CEIDA -Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia-, a través a súa biblioteca e Centro de Documentación Ambiental, compartiu con nós a MALETA "PONTE A ZERO" onde atopamos unha colección de libros informativos e literarios sobre a temática dos residuos, a compostaxe e os hortos escolares.

Lecturas moi importantes que nos achegan á problemática do lixo e á reutilización dos residuos, fomentando actitudes cívicas e de corresponsabilidade co medio natural e social.

Esas lecturas encheron os nosos recunchos de lectura durante o mes de setembro e parte de outubro!



NOVOS ESPAZOS DA BIBLIO - RECUNCHOS DE LECTURA!

 O curso pasado, todos colaboramos nun obradoiro de biblioteca creativa para crear uns recunchos de vimbio.

Este curso démoslle un novo uso, transformando parte dos corredores en RECUNCHOS DE LECTURA. 

Agora, ademais da nosa superbiblio, temos nos corredores un espazo que nos acolle cando lemos.

Así resultaro!


 

CONCURSO DEBUXOS PARA O CARTEL DA CROSS ESCOLAR


 

luns, 13 de outubro de 2025

13 OUTUBRO - DÍA DAS ESCRITORAS

Algo misterioso aconteceu na nosa escola! Cando iamos celebrar o Día das Escritoras, un mensaxeiro secreto da biblio comunicounos que desapareceran e tiñamos que axudar a resolver ese enigma!

                                                

Todos aceptamos ese resto e seguimos as pistas ata atopar as escritoras secretas! Atopamos ata 9 escritoras de distintos países! E ben sabemos que nos libros están agochadas moitas máis!

Con esta actividade, ademais de coñecelas a ELAS descubrimos novas historias e lecturas que nos invitan a seguir lendo!

Aquí vos deixamos como plasmamos e compartimos as nosas descubertas e como foi o proceso! 




domingo, 5 de outubro de 2025

QUE LEMOS EN OUTUBRO?

Chegou outubro e con este mes novas propostas lectoras para todo o centro!

Dende Voz Natura xa estamos argallando na horta e pensando nos nosos montes... Se imos plantar landras, que mellor comezo que Xaime e a landra?

Xaime e as landras


Non esquecemos que a finais deste mes chega o Samaín! Polo tanto, todo o mundo a mergullarse nesta festa coa lectura O noso Samaín.


Xa está aquí o noso Samaín... - Editorial Galaxia


Non esquezades que haberá moitas máis lecturas relacionadas co outono e o Samaín nos expositores da biblio!


Felices lecturas!


venres, 3 de outubro de 2025

AS LECTOESTRELAS XUNTAS DE NOVO!


Queremos contarvos unha gran nova! As estrelas da lectura continúan a súa andaina con novas incorporacións, facendo este club de lectura unha comunidade aínda máis grande!

Con ilusión afrontamos este martes a primeira xuntanza do curso con dúas actividades que nos mergullan niso das comunidades lectoras:

Por que estamos aquí? Porque nos gusta ler! Co xogo das afinidades lectoras compartimos gustos e descubrimos cómplices que poden recomendarnos libros!

A segunda... foi entre burbullas e pombas... a que nos transportan? Falando e xogando descubrimos a nosa primeira lectura: BURBULLAS DE CALMA SERENA de Andrea Maceiras.


Agora toca LER!