Luume foi o conto que hoxe as contacontos de 3º, Carmen e María contaron os nenos e nenas de 3 e 5 anos baixo a fresquiña sombra do noso Liquidámbar. Un conto arredor da xestión das nosas emocións e unha gozada de lectura no xardín.
xoves, 30 de maio de 2024
domingo, 12 de maio de 2024
PADRIÑOS E MADRIÑAS LECTORES
Este venres pasado volvemos vivir unha emocionante xornada lectora, gozando padriños, madriñas e afillados da lectura no patio. Á hora indicada cada padriño/madriña pasou a recoller ó seu afillado e levouno a un recunchiño para debullar alí xuntos mil e unha historias, ademais de risas, xogos, borboriños,... Un pracer poder ler para e canda os nosos amigos!
xoves, 9 de maio de 2024
OS DE PRIMEIRO REPITEN
Non hai unha sen dúas e os de primeiro quixeron repetir este mércores a experiencia lectora no noso precioso patio. E non será a última!
Eva, Xián e Noite escolleron Coidado coa charca para facer gozar da lectura un día máis ós nenos e nenas desta aula.
CORAZÓNS TAMÉN NAS ÁRBORES DOS MAIORES
Moitos aproveitamos o Día da árbore o pasado 21 de marzo para poñer os corazóns nas árbores que apadriñamos. Como xa vos contamos infantil de 3 escolleu a moreira, a nosa árbore querida; infantil de 4 o castiñeiro, co que tanto traballamos. Os de 5 quixeron un para cada un porque total son moitísimas as árbores do patio e vai abondar pra todos. Daquela escolleron a tuia, o ciprés, o acivro, o pradairo e mailo liquidámbar. Os de 1º escolleron a camelia; os de 2º, a laranxeira; 3º quixo os dous marmeleiros. 4º o antigo magnolio. So quedaban por apadriñar as oliveiras e a árbore das bruxas. Xa sabiamos que eles, os de 5º e 6º, estaban traballando e investigando moito e que non lles daba o tempo para sair ó patio. Á volta das vacacións, o principio do trimestre, colocaron cadanseus corazóns a agora xa estamos completos.
LOS CAMINOS DE LOS ÁRBOLES
Eva e Lara de 4º de primaria leron este martes pasado para os nenos e nenas de 3º e 4º o conto Los caminos de los árboles, unha historia de superación cun neno, un avó e as árbores como protagonistas. Unha nova xornada de lectura aproveitando o bo tempo.
luns, 6 de maio de 2024
DESPOIS DA CHUVIA, SEGUIMOS CONTANDO
Un novo día de lecturas no xardín. Desta volta, Silvia de 4º leu o conto aos nenos e nenas de 1º de primaria. Ra de tres ollos foi o conto elixido. Ela medra nun lugar contaminado. Quere mudar as cousas... Seguimos a voltas coa ecoconciencia.
COLOCAMOS CARTEIS NAS NOSAS ÁRBORES
Todo este tempo atrás no trimestre, levamos traballando nun obradoiro de feitura dos carteis para as árbores do noso patio dentro do PDI. Ademais de observar e pescudar as distintas especies, facer xogos para descubrir o seu nome propio e o científico, apadriñar cada aula a/ás que máis nos gustaban, gozar lendo e xogando ó seu carón,...e moitas cousas máis, chegou o momento de poñer os nomes nun cartel que nos dure moito tempo e nos faga lembrar o traballo que fixemos entre todos. Dito e feito.
Puxemos un anuncio da biblio e enseguidiña houbo unha listaxe de voluntarios dispostos a traballar.
Foron os nenos de 5 os encargados de pasar a lixa e poñer a punto as taboiñas para poder preparalas para o exterior e barnizalas. Con moito xeito fixeron de carpinteiros, ainda que o barniz tivéronllo que deixar ós adultos.
Un grupiño de voluntarias de 3º e 4º e algunha de 1º rotularon os nomes, puxeron as cordas e listo... só quedaba colgar cada un no seu lugar. Ainda estamos nese traballo, no que moitas aulas participan, pero xa podemos amosarvos como está quedando todo.