domingo, 25 de febreiro de 2024

DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA. PRIMEIROS PASOS

 Primeiros? Como todos sabedes, a Ciencia sempre está presente nos nosos proxectos de centro e de aula e o desenvolmento do pensamento é un dos nosos obxectivos básicos, xa dende as aulas dos pequenos. O día "oficial" da muller e a nena na ciencia coincidiu nas vacacións, pero xa dende principio de curso vimos traballando a educación científica, a observación da natureza e dos procesos e a análise dos datos que imos recollendo.

Agardando o obradoiro de experimentos previsto para a primavera e as pescudas sobre científicas que desenvolveremos no Día da muller, os nenos de 4 anos adiantáronse e estimularon a súa curiosidade científica facendo experimentos coa chama dunha vela. Hipóteses e comprobación: o método científico.

Foi xenial!



Os ciclos da vida e as interaccións serán outras das teimas nas que nos enlearemos na vindeira parte do PDI. Esta primavera adiantada do mes de febreiro trouxo de sorpresa na aula de 5 anos o nacemento prematuro dos vermiños de seda, sen case folliñas para lles dar de comer. Conseguiremos salvalos?. Estes observadores científicos xa pensan solucións. 


Seguiremos en tódalas aulas coas nosas pescudas e a nosa educación científica inclusiva e en igualdade!






domingo, 11 de febreiro de 2024

LABORATORIO CREATIVO DE DISFRACES

Temos xa no blog Fonte dos frades as fotos da nosa Semana da troula acompañando ó Meco Cortizón Churruscón e da festa de entroido no Bosque Animado da fraga de Comeseñe. Imos ver aquí como as distintas aulas traballaron arreo para ter listos os seus disfraces.  Ao tempo os nenos e nenas de 5º e 6º traballaron literariamente na descuberta dun dos libros senlleiros da literatura galega e creando coplas e o tradicional testamento do Meco. As aulas enchéronse tamén de carautas e documentación arredor das máscaras tradicionais do entroido galego. Aprendemos de xeito activo, entrenamos distintas habilidades e mantemos as nosas tradicións. Todo en un! Parabéns a todos.








SEMANA DA PAZ: PALABRA E POESÍA NO BOSQUE GALEGO

 As lecturas pola paz escollidas, a poesía e o desenvolvemento do noso PDI fundíronse para argalla-las actividades que durante a derradeira semana de xaneiro ocuparon as nosas aulas. 

A necesaria reflexión sobre a paz e a convivencia levounos a pensar sobre o valor das palabras e o noso empeño en que non as leve o vento e poidan facerse realidade coas nosas actitudes e relacións no día a día. A paz, que en moitas zonas do mundo estáse a perder a pasos axigantados, comeza sempre nas pequenas cousas. Ese é o noso granciño neste momento da infancia. Empezar a construir para manter a paz durante toda a vida.

 O conto Palabras con corazón e maila obra poética  Bicos e non Balas do noso autor galego Antonio García Teijeiro guiaron esta reflexión e inspiraron as palabras que todos nós escollemos e ilustramos para construir no mural da entrada o noso propio camiño de paz. O bosque de oliveiras, símbolo universal de paz, foi o contedor no que trazamos este camiño. Oliveiras e palabras que foron o noso traballo compartido, grandes e pequenos deixando a súa creatividade e as súas emocións no papel. Poderemos gozar e re-ler os nosos desexos  durante moito tempo.

Para rematar este tempo compartido xuntámonos o propio día 30 de xaneiro no patio para ler e escoitar as palabras do poeta, recitadas e berradas polos nosos compañeiros de 6º e 5º de primaria.