xoves, 26 de outubro de 2023

NA SEMANA DAS BIBLIOTECAS...LECTURAS COMPARTIDAS.

 2º de primaria e 4º compartiron o luns  a súa primeira experiencia de lectura en grupo deste curso. Tras deles viñeron tódolos compañeiros das outras aulas. Toda a semana a biblioteca estivo chea de lectores que puxeron a súa voz ós contos de medo propios deste tempo, facendo da lectura unha ledicia para os máis pequenos. Contos lidos, representados con monicreques  e feitos teatro... un festival de contadores de contos cun mundo de ganas de contar!!! 




domingo, 22 de outubro de 2023

EN INFANTIL, PROTEXEMO-LO NOSO

Os pequenos vamos con toda na protección da natureza e da nosa contorna. Durante todo o trimestre imos traballar para vivir e coñecer mellor o noso medio. No mes de outubro emociónamonos e aprendemos unha chea de cousas no noso patio-xardín-bosque, observando ademais o cambio de estación. Tamén celebramos as festas desta época pegadiños ós froitos da terra.

 Premede na imaxe para ver algunhas das cousas que fixemos.


luns, 16 de outubro de 2023

NOVO CURSO E XA EN OUTUBRO...

 Coma adoita ser, no mes de outubro a nosa biblioteca comeza unha nova andaina. Xa hai varias semanas que estamos abertos no recreo para pasar o lecer lendo ou xogando, con moita asistencia e peticións de lectura. Enseguidiña darán comezo os obradoiros, dos que iremos dando conta: o primeiro deles o de cosido e gancho, tan agardado por moitos e moitas!.

Os expositores vánse enchendo pouco a pouco; xa comezaron as actividades complementarias e os préstamos e lecturas na sala das diferentes aulas.  A radio está lista para empezar a emitir e  o Proxecto anual preparado...  A semana vindeira, co Día das bibliotecas e as lecturas compartidas, inauguraremos oficialmente as actividades e despois xa será un non parar!. Daquela, adiante e boas lecturas e aprendizaxe tamén neste curso!

Hoxe Día das escritoras engadimos a Ánxeles Ferrer e mais a Irene Pérez Pintos a listaxe de autoras que destacamos. Moitos dos seus contos van ser protagonistas das actividades que ao longo do curso iremos debullando. No seu día especial, o primeiro que toca é lembrar quen son; algunhas das súas historias témolas na biblio e xa están no andel especial desta efeméride. Con esta presentación lembrámolas a elas e as autoras de anos pasados.