martes, 26 de marzo de 2024

DÍA DA ÁRBORE

 O 21 de marzo é un día sinalado no noso calendario de aula e máis neste curso no que estamos mergullados nun PDI arredor dos bosques e os seus ecosistemas. O mellor desta celebración foi facer coincidir o día cunha das plantacións nos nosos montes de Comesaña. Para os pequenos e 1º de primaria foi todo un acontecemento festivo. 
Pero foron moitas máis as actividades programadas para este día tan especial.

Unha delas aproveitar o bo día pra emocionarnos e redescubrir o noso xardín-bosque anotando os cambios que trae a primavera. Outra rematar a visibilización do proceso de apadriñamento das árbores. Cada aula escolleu xa no primeiro trimestre unha ou varias árbores do patio sobre as que facer o traballo experiencial e de documentación sobre o tema do PDI. Esa escolla podemos vela polo de agora nos corazóns que xa ocupan o patio e penduran das nosas árbores. A todos eles súmanse a oliveira de 5º e a árbore das bruxas de 6º, que aínda non lucen o corazón, pero pronto o terán.


A outra actividade de visibilización é continuar coa feitura nas escaleiras do bosque de árbores autóctonas galegas.  Este trimestre tocoulle á oliveira (protagonista do Día da paz), ó loureiro e mailo teixo. Todas estas árbores galegas forman parte do bosque-xardín do Párroco e acompañan a nosa vida na escola día a día. Tamén puidemos gozar delas (castiñeiros, cipreses, loureiros, camelios, oliveiras,..) localizando as palabras que lle adicou Rosalía, a de castro, homenaxeada no día do seu aniversario.

So algúns cursos puideron colorar e coloca-las folliñas no seu sitio; os que restan colocaranas na primeira semana de abril.











domingo, 24 de marzo de 2024

PRIMAVERA, PRIMAVERA...DÍA DA POESÍA

 Primeiro as agachadiñas e despois coma un estouro poético, o noso cole e mailo xardín cubríronse de mil e un poemas adicados a Rosalía, á beleza do bosque, as plantas e ... non si? á creación completamente libre. Copiadas de autores senlleiros ou creadas por nós; improvisando e xogando coas rimas; formando caligramas; recreando poemas coñecidos... Pequenos e grandes, argallaron un festival de primavera en galego e máis en castelán.Tódolos recunchos do cole compartiron eses momentos máxicos de homenaxe ás palabras harmoniosas e rimadas. As nosas árbores moi mimadas no PDI deste curso puideron tamén gozar destas emocións grazas ó bo tempo deste comezo de estación.

sábado, 23 de marzo de 2024

MES DE ROSALÍA, ÁRBORES E POESÍA

 Na radio, na aula stem, no traballo cotiá e na solta do Día da poesía o noso cole encheuse durante este mes cos versos de Rosalía, ademais de estar presente no xardín e nas árbores do patio, seguindo o traballo co noso PDI.


domingo, 10 de marzo de 2024

TRABALLAMOS NO PDI NO DÍA DA MULLER

 Podedes ver nesta presentación algunhas das cousiñas que fixemos para visibilizar e celebrar o 8 de marzo, Día da Muller pescudando sobre mulleres sotibles para o bosques e facendo medrar a nosa conciencia feminista e medioambiental. O noso traballo continúa!

domingo, 3 de marzo de 2024

RETO #AFORRAMOS


Durante o mes de febreiro traballamos de xeito especial no Reto#aforramos que nos propuxo Voz Natura. É algo que non nos costou esforzo porque xa a cotío traballamos así. Nos nosos proxectos de aula aproveitamos sempre material de fontes diversas para reutilizar nos obradoiros de plástica e matemáticas. Aproveitamos envases de todo tipo como almacenamento e apoio no traballo individual e grupal. Desenvolvemos iniciativas de aforro de enerxía de auga, calefacción e luz (apagamos cando non as precisamos, recollemos auga da chuvia, temos unha cubeta de lavado dos platos...)

Durante o entroido no noso laboratorio creativo de disfraces non usamos plásticos ou facémolo reutilizando materiais vellos, aproveitamos cartóns, papel de embalar usado nos murais, anacos de papel pintado das mostras, tubos de cartón, etc, para confecionar as nosas  creacións. Este curso tamén os mandados do meco foron satisfeitos con trebellos traidos da casa. 

Os obradoiros de Arts e gancho e tecido tamén aproveitan os cartóns e materiais doutros cursos para as súas propostas.