Como vos dixemos unha das actividades de celebración desta semana foi compartir lecturas de medo entre cursos de maiores e pequenos e participar xuntos na decoración da nosa cabaza xigante. Coma tódolos anos, temos pedido a axuda das familias para facer a exposición de cabazas e calacús do Samaín. Entre todas elas, moi fermosas e terroríficas tódalas que están chegando, vai destacar polo seu tamaño a cabaza do Párroco, aportada por unha das familias do cole. Ao longo da semana foise enchendo de arañas, vermes e outras trécolas que na foto vos amosamos. Imos co que se leu e fixo na biblio: O luns foi a quenda de 3º de Primaria e 4 anos, leron e fixeron unhas aterrecedoras arañas. O martes foi a quenda de 2º de primaria e os compañeiros de 5ºB. Leron xuntos e fixeron uns pinchos de araña. O mércores tocoulle ós mais pequenos do cole que puideron compartir contos divertidos cos nenos e nenas de 5ºA de Primaria. Despois fixeron entre todos uns vermes famentos de cabaza. Mellor non os poñemos moi preto dela!! O xoves 4º de Primaria e mailos nenos de 5 anos fixéronlle á nosa cabaza unha preciosa capa co protagonista do conto que leron na biblio: "El monstruo que se comió la oscuridad." Por fin, o venres -pechando esta semana lectora- os maiores do cole e mailos que veñen de aterrizar en Primaria, os de 1º, compartiron xuntos lecturas da man dunhas bruxiñas moi especiais. Ó remate das lecturas fixeron rastas de macarróns que colocaron como pelo da nosa cabaza e engadiron un gorrecho e unhas gafas. Lemos un mundo e adornamos de xeito compartido unha cabaza super, super,...! Deixámosvos aquí só unha pequena mostra das fotos que sacamos.
Unha das actividades que imos facer neste curso na hora de ler é o VENRES DE CURTAS. Xa o ano pasado fixemos algunhas propostas visuais en intres determinados do curso. Desta vez pretendemos facer cando menos unha por mes. En outubro a temática está clara...o gusto pola lectura. Esta é a nosa proposta para as aulas. Tamén ás familias convidámosvos a desfrutala.
Los Fantásticos Libros Voladores del Sr. Morris Lessmore
Outra vez o 24 de Outubro... un ano máis estamos preparados para comezar un novo curso de lecturas e aprendizaxes diversas na biblio. De feito, xa hai unhas semanas que está aberta e funcionando; ainda que moitas das actividades arrancan oficialmente nesta semana de celebracións. "Outubro é un libro" di o verso de Gloria Fuertes no seu poema "Los meses". A poesía, a ollada poética sobre o noso entorno e as nosas vidas vai formar parte deste curso tamén, respondendo ao lema das BE "Poéticas diversas na biblioteca escolar". Aqui deixámosvos o enlace da presentación do lema. Nos queremos mergullarnos ao longo do curso na propia poesía, nos poetas nosos e das outras latitudes, na poesía da ciencia, da matemática, das nosas propias lembranzas e de todo o que nos arrodea. Poesía lida e poesía creada e vivida. A ver como se nos da!. Este curso o PDI, que pronto presentaremos ás familias, xira arredor de nós, da nosa propia historia como centro e como comunidade educativa, do acontecido nestes nosos e vosos últimos 50 anos. Algúns estivestes aí dende o principio...agardamos as vosas testemuñas. Outros veñen de chegar ao cole hai pouco mais dun mes, pero xa están formando parte da súa historia. De momento comenzamos cunha intensa semana de lecturas compartidas arredor do medo, preparando xa a festa de Samaín, que xa nos agarda á volta deste recunchiño lector. Manterémosvos informados.!