domingo, 26 de novembro de 2023

PDI E #RETO INVESTIGA NO MES DA CIENCIA

 A posta en marcha, neste curso, das tarefas do noso PDI anual xúntase co Mes da Ciencia. Aproveitamos para amosa-los nosos traballiños tamén baixo o hastag Reto investiga.  As nosas liñas de traballo Monte vivo, Innova, Edusostibilidade, Emociónate e Voz natura están presentes este curso no desenvolvemento do Plambe e no Proxecto "Somos aire.Somos bosque. Ecososistemas no párroco" unha ollada científico-emocional á natureza e á nosa propia contorna.

sábado, 25 de novembro de 2023

GUAPA E OUTRAS ACTIVIDADES NO 25N

 Dentro das actividades adicadas a traballar a violencia de xénero no 25 de novembro Guapa foi o conto escollido para os debates e actividades arredor deste tema, tendo a autoestima como valor fundamental na prevención e loita contra a violencia que afecta ás mulleres. Estes días e durante todo o curso haberá moitos debates e propostas para seguir este traballo. Educarmos persoas, homes e mulleres, con carácter e valores moi claros respecto da igualdade e a tolerancia irá pondo ladrillos firmes na construción dunha sociedade sen violencia sexista, na valoración e aceptación de nós mesmos e dos outros.


A variña máxica da bruxa sérvelle para transformarse ó seu antollo, seguindo os consellos de personaxes que non a queren ben. Nós fixemo-la variña para aprender a distinguir esas persoas "tóxicas" que queren mudarnos para manexarnos e facernos mal. 








Ao mesmo tempo os maiores traballaron arredor da linguaxe debatendo e tamén confrontando palabras positivas e negativas nuns estupendos "pasapalabras" contra a violencia.





Ao longo do trimestre o obradoiro de Mullereandum contribuiu co seu traballo nos 6 cursos de primaria a falar e vivenciar valores positivos nas relacións entre todos. Tedes os vídeos nesta ligazón

domingo, 19 de novembro de 2023

O CONTO DE ÁNGEL

 Ángel é o primeiro pequeno de 4 anos que nos vai agasallar coa lectura dun dos seus contos preferidos. Que ben! Así da gusto.

mércores, 15 de novembro de 2023

CONTOS PARA OS PEQUENOS

Dúas nenas de 5º de primaria, Candela e Lara,  convertíronse en contacontos o pasado venres e agasallaron ós peques de infantil coa lectura de dous preciosos contos. Todos, pequenos e grandes, escoitaron con atención e estiveron encantados deste agasallo. Que sorte tivemos de contar con elas!

AS CARPETAS COAS TAREFAS CHEGAN ÁS AULAS

 Despois de moito tempo agardando que a chuvia dese acougo, puidemos rematar de preparar as árbores do patio para as primeiras pescudas e enviar as carpetas ás aulas coas tarefas da primeira parte do noso PDI. Agora a traballar!





domingo, 12 de novembro de 2023

COMEZAMOS A CAMIÑAR NO NOSO PDI

 Levamos tempo facendo os preparativos e agardando que o tempo mellore para dar comezo oficial ó noso PDI. 


Os nenos de infantil son os primeiros en traballar sobre o terreo preparando estes primeiros pasos no traballo documental no noso patio-bosque. Celebrando o Día da mundial da protección da natureza xa desenvolveron actividades variadas de coidado e coñecemento da nosa contorna máis próxima. Agora  traballan no patio colocando os números das árbores que nos van servir de guía no xogo.

mércores, 1 de novembro de 2023

EXPOSICIÓN DE CABAZAS E FESTA DO SAMAÍN

 Tivemos a sorte de que todos vós, as familias do no noso cole, respondendo á nosa petición, enviastes unhas abraiantes cabazas baixo o lema do noso PDI . A nosa entrada encheuse coas vosas creacións enmarcadas polos estupendos murais feitos en Arts e nas distintas aulas. 


Durante toda a semana as aulas buliron preparando tradicións e festa de Samaín: contos, manualidades, obradoiros de papiroflexia, baleirado de cabazas,obradoiros de luz e medo,...un mundo de diversión.