xoves, 18 de maio de 2017

OUTRA VEZ A GALIÑA AZUL

Agora que semella que se solucionou o problema de "caída da rede" imos agasallarvos con este traballiño no que todos os nenos do cole puxemos o noso granciño de area. Velaí vai:


mércores, 17 de maio de 2017

A GALIÑA AZUL VIAXEIRA

Como particular homenaxe a Carlos Casares, outra das actividades programadas para este día é a feitura dun caderno arredor do conto infantil "A galiña azul". A galiña de Carlos viaxou estas últimas semanas por tódalas aulas do cole para  que nós tamén poideramos pór os nosos "ovos de cores" e os enchesemos coas historias que este conto tan especial nos suxeriu. 
Agora mesmo temos problemas para subir o caderno enteiro, asi que de momento deixámosvos a portada para ir facendo boca. A ver se dentro dun tempiño hai mais sorte e podedes velo todo.



AS MAIMIÑAS VIAXAN POLO RÍO MIÑO

Nestes tempos de case final de curso no que xa comezamos  a pechar os proxectos que tivemos en marcha durante todos estes meses, vimos de recibir a visita "musical" de "As maimiñas". A súa actuación foi  para os mais pequenos do cole, dende infantil ata segundo de primaria, un primeiro "broche de ouro" ás nosas andainas.  
Elas -que son moi viaxeiras e viñan contarnos a súa viaxe polo mundo-, fixeron unha parada no río Miño para poder empaparse da súa esencia ao longo dos mais de 300 kilómetros do seu percorrido por Galicia. Daquela poideron contarnos e cantarnos que viaxar polo Miño é viaxar polo mundo.  Australía é coma unha Terra chá máis grande; a pizza de Italia é como a galega,... ou non leva os mesmos ingredintes que atopamos nas terras do miño?; a néboa de Londres é a mesma que podemos ver nas lagoas que forma o Miño; a súa desembocadura é unha xaneliña ao mundo, máis aló dela agárdannos unha chea de sorpresas. Eso mesmo pensaron os piratas que ata aqui chegaron e despois  continuaron a súa navegación por todo o planeta.´
Pasamos con elas unha hora de risas, cantos e bailes; desfrutando do seu ritmo e o seu bó facer. Sóubonos a pouco.




domingo, 14 de maio de 2017

O PRINCIPIÑO E OUTRAS LECTURAS

Neste mes adicado a Carlos Casares temos organizado no cole varias actividades  arredor da súa figura.
Unha delas é a exposición de libros do Principiño que os mouchiños lle pediron ás familias. Foron moitas ás que nos mandaron a súa edición que xa leva varios días na zona de entrada ao cole, para que todos poidamos desfrutar da variedade  de exemplares. 




Ao mesmo tempo comezamos unha actividade de "bookcrossing" "Colle o libro e corre" ca que podemos achegarnos á lectura dalgunhas de 6 obras infantís e xuvenís que escribiu Carlos Casares. Na hora do recreo e na hora de ler temos a posibilidade de coller as maletas e coñecer mais a fondo ao autor protagonista das Letras GAlegas 2017. O único traballo ademais de ler é apuntarse na listaxe de lectores de Casares e devolver a maleta ao seu lugar.



luns, 1 de maio de 2017

PRIMEIROS ROTEIROS

O pasado mes de Marzo arrancou a pescuda documental arredor dos roteiros turísticos do Río Miño. Dentro do conxunto de actividades feitas arredor do río, este traballo ten como obxectivo coñecer o seu patrimonio artístico, natural e económico-turístico. 
Despois de dividir o curso do río en 10 tramos cada clase encargouse de traballar aqueles aspectos que os mouchiños lles pidiron. Dende a volta das vacacións de Semana Santa xa agroman a carón do noso río de fieltro os resultados das primeiras investigacións que pouquiño a pouco irémosvos presentando.











EXPOSICIÓN DOS LIBROS DAS FAMILIAS

Xa está na biblioteca a exposición dos libros das familias que este curso responde á temática do noso PDI. Buscabamos lecturas científica e documentais que complementaras ás que temos no noso expositor de "Xeografía e natureza nos libros dos río". Tamén contos protagonizados por seres vivos ribeiráns e fluviais.
 Baixo  o título "Libros e Contos dos ríos" temos colocados xa os primeiros exemplares que nos foron chegando. Xa temos máis libros das casas preparados para colocar, así que se vós aínda non mandastes nada e queredes facelo, sabede que estades a tempo. Mentres os nenos e nenas imos empezar a desfrutar dos libros das familias en canto volvamos ao cole o vindeiro mércores. 



PADRIÑOS LECTORES 2017

Por fín, xa chegou! Unha vez máis o mes dos libros bríndounos a oportunidade de desfrutar da lectura xuntos no patio. Esta é unha desas actividades que chegou hai algúns anos ao noso cole para quedarse e que da gusto repetir un ano e outro. Para os de tres anos é a súa primeira experiencia, que viven cunha mestura de medo e curiosidade. Os demais lembran as experiencias doutros cursos e marchan confíados e contentos.
Os padriños e madriñas tiñan, este venres pasado, todo preparado para marchar canda os seus afillados e afilladas cara algún recunchiño do patio e alí, co agarimo do sol que nos agasallou neste día de finais de abril, ler tódalas historias que coubesen nun anaquiño de lecer. Os padriños e madriñas -e moitos dos seus valentes afillados que tamén quixeron ler para eles- puxeron o corazón nesas lecturas e adicáronse con empeño en facer desfilar palabras e historias no medio dun doce marmurio. Mágoa que non se escoite nas fotos!. 
Do marmurio pasamos, despois dun longo tempiño, ao balbordo, ás carreiras, ás risas... porque os pequenos non quixeron desaproveitar a oportunidade de compartir tamén xogos cos seus compañeiros maiores.