luns, 27 de abril de 2015

OLI VISITA O COLE NO DÍA DO LIBRO

O 23 de Abril, día do libro, recibimos na biblioteca a un escritor moi especial. "Oli" achegouse ao noso cole para compartir cos nenos e nenas de 1º e 2º unha lectura moi especial: a do conto "Leocadio o león" e tamén algunhas outras historias vellas e novas. Os protagonistas cóntanolo e amósannos as fotos que fixeron...

"Estes días andabamos moi atarefados lendo nas nosas aulas un libro titulado “Leocadio, o león”. A verdade é que estaba moi interesante xa que, pouquiño a pouco, fomos colléndolle cariño a ese leonciño que ía trazando a súa historia tan preto de nós. Despois de rematalo e, coincidindo co Día do Libro, recibimos un agasallo na biblioteca da escola que nos encheu de ilusión e emoción. Alí estaba Oli, o escritor do conto ao que lle adicamos tantos momentos na clase, compartindo connosco a súa traxectoria como escritor. Falounos de Leocadio e doutros moitos libros que tiña escritos, pero o máis emocionante foi cando nos ensinou o borrador da súa próxima historia que pronto estará nas librarías. Tamén nos relatou contos marabillosos e amosounos moitos tesouros que traía agochados no seu maletín. Para rematar asinounos os nosos exemplares e mesmo o da biblioteca do cole. Un pracer ter compartido con el este tempo".


Ningún comentario:

Publicar un comentario